A Xunta impulsa coa Ozona Tech o ciclo de FP Dual de Administración de Sistemas Informáticos en Rede
- Román Rodríguez destaca a importancia desta modalidade formativa, a través da cal o estudantes poderán compaxinar a formación académica coa práctica remunerada nunha compañía punteira neste sector.
- A maiores da formación curricular, este ciclo incluirá un módulo de idiomas, en consonancia coa Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 que, entre as súas accións, establece o fomento do plurilingüismo nestas ensinanzas.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director de negocio da empresa Ozona Tecnologías de la Información, Vicente Saborido, asinaron hoxe a renovación do convenio para impartir o ciclo de Formación Profesional Dual de Sistemas informáticos en rede no instituto IES Antón Losada Diéguez da Estrada, con formación práctica nesta compañía tecnolóxica.
Refórzase así a colaboración iniciada con esta empresa no ano 2021, a través da cal se implantou por primeira vez no instituto estradense este ciclo dual para a obtención do título de Técnico superior en Administración de sistemas informáticos en rede. Precisamente este ano rematan o ciclo os 12 alumnos que iniciaron os seus estudos no curso 2021-22.
O titular de Educación do Goberno galego aproveitou para subliñar a importancia desta modalidade formativa, onde os alumnos poden compaxinar a adquisición de coñecementos académicos coas competencias prácticas nunha empresa líder no seu sector. “Con este acordo avanzamos na liña de cooperación coas empresas e blindámoslles aos estudantes novas oportunidades para que completen a súa cualificación”, abondou Román Rodríguez, que aproveitou para agradecer a confianza de Ozona na FP galega.
Dous anos de duración e un proxecto final
O curso, que terá dous anos de duración e un proxecto final e comezará a impartirse o vindeiro mes de setembro, suporá a obtención do título de técnico superior en Administración de sistemas informáticos en rede.
En total serán 12 os alumnos que poderán cursar esta titulación na modalidade de dual, cuxo currículo abrangue 2.106 horas formativas, das que o 61% se desenvolverán no centro educativo e o 39% restante nas instalacións de Ozona, tanto con formación complementaria deseñada pola propia empresa como a través de actividade profesionalizadora práctica.
Ademais, de xeito complementario á formación curricular, inclúese un módulo de idiomas ao longo dos dous cursos, adaptado ás necesidades da empresa. Isto vai na liña do establecido na Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 que, entre outras accións, fixa o fomento do plurilingüismo nos ciclos formativos.
Fundada en 2002, Ozona é unha compañía de servizos e solucións de tecnoloxías da información cun alto nivel de especialización que se atopa en plena expansión derivada pola forte demanda de transformación dixital nos mercados. Neste grupo están integrados Ozona Tech e Ozona Consulting, así como as súas respectivas filiais en Portugal.
Instalacións axeitadas para dar servizo á oferta formativa
No caso do IES Losada Diéguez, con preto de 300 alumnos matriculados en Formación Profesional, é un dos institutos de referencia neste ámbito formativo, xa que actualmente ofrece a modalidade dual nos ciclos superiores de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (tamén en colaboración coa empresa Ozona) e Deseño e amoblamento.
Neste centro tamén se imparten os ciclos de grao básico de Informática de oficina, Carpintería e moble e Mantemento de vehículos; os de grao medio de Sistemas microinformáticos e redes, Carpintaría e moble e Electromecánica de vehículos automóbiles, e os ciclos de grao superior de Administración e finanzas e Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma.
Para dar servizo á oferta formativa, no portal de contratación da Xunta vén de publicarse a formalización do contrato para a ampliación das instalacións deste instituto, por un importe de preto de 3M€. Logo de que se formalice a acta de replanteo, e dado que xa se conta coa licencia municipal, está previsto que as obras comecen a principios do vindeiro mes de maio.